Compre empezar cun aviso a navegantes: nas festas de vrao de Rábade atoparaste cuns persoeiros aparentemente afables e simpáticos, mesmo engaioladores; adoitan rir e cantar; tamén tocar toda clase de instrumentos con tino; algúns visten do mesmo xeito para se identificar. Brindarán contigo. Atópanse por todos os recunchos do país mais no RabaFolk o seu número é incalculable. Cuidadín, trátase dunha secta do máis perigoso que existe e aló no máis escuro agochan o pior dos males: o cultivo extremista da festa. Mesmo asaltan o palco e apodéranse dos artistas. E no seu local de perdición con máxicos efluvios de licorca, chegará o convite para que continues a troula no río, o cal baixan medio espidos con viandas, caldos e licores. Se aceptas estás perdido. Non hai volta atrás.
Seica Foula non subiu ao escenario e tocaron a pe de rúa, cáseque seguro acompañados dalgún destes diaños, facendo máis levadeira a longa espera que tiñan por diante os ousados que facían quenda polo churrasco. Aínda coa mestura do cheiro a fume e carne percorrendo o ar, Berrogüetto empoleirouse ao palco. O seu máis que correcto folk vangardista non pecou de excesos tradicionais e tirou máis pola festa e pola complicidade do ...