RabaFolk
Tags: Berrogüetto, foula, O Sonoro Maxín, rábade
Compre empezar cun aviso a navegantes: nas festas de vrao de Rábade atoparaste cuns persoeiros aparentemente
afables e simpáticos, mesmo
engaioladores; adoitan
rir e cantar; tamén tocar toda clase de
instrumentos con tino; algúns visten do mesmo xeito para se identificar. Brindarán contigo. Atópanse por todos os recunchos do país mais no RabaFolk o seu número é incalculable. Cuidadín, trátase dunha secta do máis perigoso que existe e aló no máis escuro agochan o pior dos males: o cultivo extremista da festa. Mesmo asaltan o palco e apodéranse dos artistas. E no seu local de perdición con máxicos efluvios de licorca, chegará o convite para que continues a troula no río, o cal baixan medio espidos con viandas, caldos e licores. Se aceptas estás perdido. Non hai volta atrás.
Seica Foula non subiu ao escenario e tocaron a pe de rúa, cáseque seguro acompañados dalgún destes diaños, facendo máis levadeira a longa espera que tiñan por diante os ousados que facían quenda polo churrasco. Aínda coa mestura do cheiro a fume e carne percorrendo o ar, Berrogüetto empoleirouse ao palco. O seu máis que correcto folk vangardista non pecou de excesos tradicionais e tirou máis pola festa e pola complicidade do respetable, que participou sen vergoña co seu novo cantante, Xabier Díaz, que tamén lle deu unha nova reviravolta, un novo son, aos seus Xente, Bailador ou Fusco. Agora que canto eu, agora que veño eu… ai amor, amor, lévame de aquí… E de topron, zas!, o bolo… digo, non, de pronto a cuuuumbia! O baile perpetuo. Os chimpos ao ceo. A esmorga sen fin, con permiso da Rúa do Perigo. O Sonoro Maxín alzou o voo co Paxaro Amigo e levounos no medio e medio da noite cara o clímax trouleiro. E non. Non zafaron da invasión dos Estoupa. Hai unha que non querían cantala, pero cantárona, arredemo.












Sem Comentários, Comentar ou Fazer Ping